Lydia Pérez cae en cuartos de final do preolímpico europeo de loita

Pontevedra
19 de marzo 2021

Tras esta cita, as opcións da pontevedresa para estar nos Xogos de Tokyo redúcense a unha única bala, o segundo clasificatorio que terá lugar en maio en Bulgaria

Lydia Pérez (esquerda) coas súas compañeiras da Selección Española no Preolímpico Europeo de Budapest
Lydia Pérez (esquerda) coas súas compañeiras da Selección Española no Preolímpico Europeo de Budapest / Federación Española de Lucha

A clasificación de Lydia Pérez Touriño para os Xogos Olímpicos de Tokyo terá que esperar, e queda reducida a unha única bala, o segundo dos clasificatorios que terá lugar a principios de maio na capital búlgara, Sofía.

Aínda que a folla de ruta apuntaba sobre todo a Bulgaria como lugar para conseguir o billete, o certo é que a pontevedresa non renunciaba a nada no Preolímpico Europeo que ten lugar estes días en Budapest.

Era un reto complicado, e é que só as dúas finalistas conseguían a clasificación olímpica nun torneo de gran nivel. Lydia de feito preparouse a conciencia para a cita, con concentracións recentes en Suecia, Ucraína e a propia capital húngara.

A deportista do Club Loita Pontevedra plantouse na cita sen complexos, e así o demostrou no combate que lle enfrontou á moldava Mariana Cherdivara na categoría de 62 quilos, unha vella coñecida que a superara previamente no Campionato de Europa de 2019. De novo, nun enfrontamento disputado, o resultado foi de 2-1 en favor de Cherdivara, que logrou así progresar no cadro.

Nesta ocasión nin a repesca polas medallas era un consolo, xa que se esfumaba o pasaporte a Tokyo.

Con todo a cita debe servir de reforzo ao traballo realizado pola loitadora, que se xogará todo a unha carta o próximo mes de maio para tentar cumprir o seu soño olímpico.