Dobre título nacional para Lydia Pérez, no tapiz... e na praia

Pontevedra
01 de xuño 2021

A deportista pontevedresa proclamouse a fin de semana campioa de España de Loita Olímpica e tamén de Loita Praia, nuns campionatos nacionais que se celebraron de maneira consecutiva na Región de Murcia. Pablo García, campión tamén na modalidade de praia

Lydia Pérez, no alto do podio do Campionato de España de Loita en Los Alcázares
Lydia Pérez, no alto do podio do Campionato de España de Loita en Los Alcázares / Federación Galega de Loita

A localidade murciana de Los Alcázares, na que se atopa o Centro de Alto Rendemento Infanta Cristina, foi escenario durante a pasada fin de semana dunha dobre cita para a loita nacional, cos Campionatos de España de Loitas Olímpicas e de Loita Praia, celebrados en días consecutivos.

Ata alí desprazouse o Club de Loita Pontevedra dentro da Selección Galega, con grandes resultados especialmente para Lydia Pérez.

A loitadora pontevedresa, que tentou ata o final a clasificación para os Xogos de Tokyo, demostrou unha vez máis ser a rival para bater na categoría de 62 quilos conseguindo subir todo o máis alto do podio, superando na final á vasca Ainhoa Santamaría.

Iso foi no tapiz, e un día despois repetiu sobre a area da praia, nunha disciplina pouco habitual para ela pero na que tamén colgou o ouro na categoría de 70 quilos ao vencer á tamén galega Nerea Pampín (Keltoi de Vila de Cruces).

Sobre a area triunfou ademais Pablo García nos 80 quilos, impoñéndose ao madrileño Carlos Fernando Señarís. O pontevedrés non correu a mesma fortuna no tapiz, finalizando oitavo na súa categoría.

A nivel de seleccións, Galicia foi subcampioa masculina e feminina no Campionato de España de Loitas Olímpicas e conseguiu o ouro en Loita Praia, na primeira vez que participaba nesta modalidade.