Cos torneos preolímpicos ao virar a esquina, onde se poñerán en xogo as últimas prazas disponibles para os Xogos de Tokyo do próximo verán, o adestrador do Club de Loita Pontevedra, Marcos Miragaya, analizou para PontevedraViva as opcións dos seus pupilos, Lydia Pérez e Pablo García.
A primeira, Lydia, é a que ten máis preto o billete a Xapón, pero non será nin moito menos un camiño de rosas conseguilo, sobre todo despois dun ano no que apenas puido competir e no que tivo problemas para exercitarse nalgúns momentos ante a paralización dos deportes de contacto. O luns 8 de marzo poñerá rumbo á capital húngara, Budapest, onde ao mediados de mes terá lugar o primeiro dos dous clasificatorios previstos.
"Temos claro que a nosa posibilidade real é no seguinte", sinala Miragaya, aínda que non por iso deixarán de tentalo en Budapest. Nesta cita só o paso á final outorgará a clasificación olímpica, do mesmo xeito que no torneo previsto para o mes de maio en Sofía, Bulgaria, pero alí xa con menos competencia ao non estar presentes as loitadoras xa clasificadas.
Miragaya sobre Lydia Pérez: "Non está igual de preparada que o ano pasado, pero a incógnita é como está o resto. Por eso penso que as posibilidades son similares"
"Vai ser un pouco unha incógnita", analiza o adestrador pontevedrés, na que "o factor sorte vai a ser determinante" no que respecta a os cruces. Con todo "Lydia demostrou que ten ese nivel, non sei se para clasificar pero si para ter opcións reais", sinala o tamén responsable do grupo de tecnificación de loita no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Todos os obstáculos superados nos últimos meses coa entendible falta de ritmo de competición "non queremos que sirvan de escusa", afirma o técnico, aínda que "non está igual de preparada que o ano pasado, pero a incógnita é como está o resto. Por eso penso que as posibilidades son similares", recoñece.
En todo caso Marcos Miragaya valora o esforzo dos seus pupilos e asegura que "véxoos ben", tamén a un Pablo García que deberá esperar aínda para saber se a Federación Española o selecciona para participar no segundo torneo preolímpico, no que basea as súas esperanzas. "É difícil adestrar sen esa certeza", afirma o seu adestrador, pero aínda que "non sexan as mellores condicións seguimos traballando cada día para chegar o mellor posible". Por ganas e dedicación non vai quedar.