Suecia e Ucraína, últimas paradas de Lydia Pérez antes de asaltar a clasificación olímpica

Pontevedra
01 de febreiro 2021

A deportista pontevedrés puxo rumbo a Helsimborg, Suecia, para participar nunha concentración de dúas semanas co equipo olímpico sueco  

Pablo García e Lydia Pérez Touriño
Pablo García e Lydia Pérez Touriño / Cristina Saiz

Cada vez queda menos, se a pandemia o permite, para que chegue o momento da verdade para Lydia Pérez Touriño no seu obxectivo de clasificarse para os Xogos Olímpicos de Tokyo.

A deportista pontevedresa ten marcadas en vermello dúas datas, co preolímpico que se disputará a mediados do mes de marzo na capital húngara,  Budapest, e a última oportunidade en maio en Bulgaría.

Por iso chegados a este punto cada día e adestramento conta, e a representante do Club Loita Pontevedra non escatimou na súa preparación tras un ano difícil sen apenas competicións.

Tras estrear recentemente o 2021 en Niza nun torneo coa Selección Española, agora Lydia volve facer as maletas para pasar todo o mes de febreiro lonxe da casa.

En concreto, segundo compartiu o seu club, puxo rumbo a Helsimborg, en Suecia para compartir unha concentración de adestramento de dúas semanas co equipo olímpico sueco. Non quedará aí a cousa xa que o 15 de febreiro ten previsto viaxar directamente desde o país nórdico ata Kiev, en Ucraína, onde se reunirá co resto do equipo nacional para participar no torneo internacional XXIV Outstanding Ukrainian Wrestlers and Coaches Memorial. 

" Despois dun ano tan complicado e coa terrible situación á que o mundo se segue enfrontando actualmente, isto é como un agasallo caído do ceo. Un agasallo que penso espremer e aproveitar ao máximo", compartiu a través das redes sociais a campionísima pontevedresa ante o seu gran reto.