Lydia Pérez inicia en Niza a conta atrás cara ao Preolímpico

Pontevedra
12 de xaneiro 2021

A deportista pontevedresa participa esta semana no Torneo Internacional Henri Deglane de loitas olímpicas que se celebra en Niza, Francia, nunha proba de nivel para o seu gran obxectivo, conseguir a clasificación para os Xogos de Tokyo

Lydia Pérez, no Mundial Sub-23 de Loita en Bucarest
Lydia Pérez, no Mundial Sub-23 de Loita en Bucarest / Club de Loita Pontevedra

Co inicio do novo ano achégase o momento da verdade para Lydia Pérez Touriño, no seu obxectivo de lograr a clasificación para disputar no verán os Xogos Olímpicos de Tokyo.

A pontevedresa afrontará esta semana a súa primeira cita competitiva do ano, que supón ademais a antesala dos torneos preolímpicos de loita.

Esa cita á que deportista do Club Loita Pontevedra acode convocada pola Selección Española será o Torneo Internacional Henri Deglane que terá lugar do 15 ao 17 de xaneiro na localidade francesa de Niza.

Tras a competición, Lydia Pérez permanecerá concentrada en Niza ata o día 24 de xaneiro nun evento preparatorio internacional que contará coas máximas medidas de seguridade e prevención contra a Covid.

Serán unhas semanas decisivas por tanto para preparar os torneos clasificatorios para Tokyo previstos para os meses de marzo e maio.

Xunto á pontevedresa competirán en Francia outros tres deportistas galegos, como son Nerea Pampín (Keltoi de Vila de Cruces), Damián Iglesias (Club de Loita Touro) e Jose Cuba (Club de Loitas Olímpicas de Vilalba).