Os equipos femininos do CW Pontevedra e TM Monte Porreiro xóganse o ascenso a Primeira

Pontevedra
13 de maio 2022

As waterpolistas desprázanse a Murcia coa vantaxe do partido de ida no que gañaron 20 a 2, mentres que as xogadoras de tenis de mesa terán que derrotar ao seu rival, este sábado ás 17.30 horas en Madrid, para conseguir o salto de categoría

O equipo feminino do TM Monte Porreiro pasa á final polo ascenso a Superdivisión
O equipo feminino do TM Monte Porreiro pasa á final polo ascenso a Superdivisión / Cristina Saiz

Dous equipos da cidade poden dar o salto este sábado á máxima categoría das súas respectivas disciplinas deportivas. Trátase dos equipos femininos do Club Waterpolo Pontevedra e do Tenis de Mesa Monte Porreiro que disputan na tarde deste sábado os partidos decisivos das súas fases de ascenso.

O que máis fácil teno é o CW Pontevedra que se despraza a Murcia para defender a renda de 18 tantos lograda a pasada semana na piscina da Escola Naval Militar de Marín na que derrotaron ao CW Murcia por 20 a 2. 

Ás 16:30 horas comezará o partido que decidirá o ascenso Primeira Nacional Feminina de Waterpolo. Sen confiarse nin relaxarse o conxunto formado polas xogadoras pontevedresas e ourensás sairán a por o partido buscando certificar un ascenso que sería histórico para o waterpolo galego. E farano arroupadas por un nutrido grupo de afeccionados e familiares que se atopan xa de camiño ao sur.

Pola súa banda, o Tenis de Mesa Monte Porreiro xogarase o ascenso na localidade madrileña de San Sebastián de los Reyes. As pontevedresas están clasificadas directamente para a semifinal, prevista para este sábado ás 17.30 horas, e serán novo equipo de Superdivisión se logran a vitoria.