Os Mestres do xadrez Mundial cítanse en Pontevedra

Pontevedra
09 de agosto 2019

A edición máis numerosa da historia do xadrez galego dispútase en Pontevedra do 8 ao 14 de agosto e contará coa presenza do Subcampeon Mundial Alexei Shirov e Elizaveta Solozhenkina, número 6 do Mundo sub-16

Alexei Shirov e Elizaveta Solozhenkina na recepción no Concello polo Torneo de xadrez Mónica Patxot

A edición máis numerosa da historia do xadrez galego dispútase en Pontevedra do 8 ao 14 de agosto.

O torneo contará coa presenza de máis de 200 xogadores de 14 nacionalidades diferentes e de todas as comunidades españolas exceptuando Murcia, e serán retransmitidas en rigoroso directo a través dos mellores portais do mundo.

Entre os participantes atópanse o mestre Alexei Shirov, subcampión Mundial; e Elizaveta Solozhenkina, número 6 do mundo sub-16, que foron recibidos durante a mañá deste venres no Concello de Pontevedra. Durante a recepción, Pablo García, pertencente á escola de xadrez Pontevedra e director do evento, destacou a presenza destes competidores ao tratarse de referentes para todas aquelas persoas afeccionadas a este deporte.

Así mesmo, Anabel Gulías, encargada dos eventos internacionais, quixo resaltar a importancia de ter a Elizaveta competindo en Pontevedra xa que tan só un de cada 100 competidores é unha muller.

Unha vez acabado o torneo, o 15 de agosto a partir das 11:00 horas realizaranse partidas simultáneas na Avenida de Santa María, que correrán a cargo dos Mestres participantes no torneo.