Os Nacionais de baloncesto infantil entran na súa fase decisiva

Pontevedra
13 de xuño 2018

Os campionatos de España que se celebran estes días en Marín e Pontevedra entran este mércores na súa fase eliminatoria, iniciando o camiño cara ás finais do sábado

Campionato de España Infantil Masculino de Baloncesto en Marín Mónica Patxot

A emoción non decae en Marín e Pontevedra nos Campionatos de España de baloncesto infantil, que este mércores entra na súa fase decisiva co comezo das eliminatorias polo título.

O camiño cara á final do sábado comeza cos cruces de oitavos de final, que na competición masculina que se celebra nos pavillóns marinenses do Sequelo, A Raña e San Narciso non contará con ningún representante galego.

Os grandes favoritos avanzaron sen problemas, deparando un cruzamento estrela entre Real Madrid e Valencia. Ademais a primeira eliminatoria enfronta a Unicaja e Colegio Leonés, UCAM Murcia-Valencia Genovés, Santa Cruz-Stadium Casablanca, Canarias-Betis, Granada-Maristas, Joventut-Tormes e FC Barcelona-Plages Mataró.

En canto á competición feminina, que se disputa nas pistas pontevedresas do CGTD, Príncipe Felipe e Pavillón Universitario, si se meteu en oitavos de final un equipo galego, o Bosco Salesianos, que se enfrontará ao Estudiantes. 

Ademais seguen en competición: Benimaclet-San Blas Alicante, Canterbury-UCAM Murcia, Sant Adriá-Luther King, FC Barcelona-Ordizia, Basket Alameda-Jesuitas León, Ponce Valladolid-Gran Canaria  e Unicaja-CD Ginés.