O proxecto deportivo do Poio Pescamar para a tempada 2024/2025 parte de mesma idea que os anos anteriores, "estar o máis arriba posible e xogar para gañar".
Así o recoñeceu o técnico Luis López-Tulla, quen chegou fai dúas campañas para dirixir ao equipo conserveiro ata converterse nunha figura de plena confianza para a entidade.
De feito, desde a súa chegada ao pavillón da Seca, López-Tulla dirixiu 73 partidos oficiais cunha bagaxe de 46 triunfos, 13 empates e 14 derrotas. Estes números confirman o gran paso adiante que deu o conxunto vermello, cumprindo os obxectivos establecidos e selándoos como os mellores da historia do club.
Pero para o adestrador non foron fáciles estas dúas tempadas á fronte e significaron unha "aprendizaxe bastante grande. O primeiro ano tivemos certos contratempos e este último empezou sendo duro, aínda que acabou mellor que o anterior. En canto ao resultado estou moi contento pola superación demostrada polo equipo", admitiu o madrileño.
Co plantel practicamente pechado "aínda que sempre co ollo posto nalgunha posiblidad", o Poio Pescamar arrinca este luns 5 de agosto unha pretemporada na que ten previsto disputar dous amigables, un deles en Portugal, e un cuadrangular na cidade de As Burgas contra o Santa Lucía, o Melilla e o Ourense. Sofía Rozas e Estela Fernández, xogadoras da base, reforzarán ao equipo durante este mes de preparación.