Os piragüistas pontevedreses, á conquista do Mundial de Maratón en Brandeburgo

Pontevedra
15 de setembro 2016

A cidade alemá de Brandeburgo acolle os próximos días 16, 17 e 18 de setembro o campionato do mundo de piragüismo maratón para as categorías xuvenil, sub 23 e sénior. Ata alí, desprazouse unha ampla delegación galega cun marcado protagonismo para os padeeiros dos clubs pontevedreses

Probas junior e sub-23 do Europeo de piragüismo maratón
Probas junior e sub-23 do Europeo de piragüismo maratón / Mónica Patxot

A cidade alemá de Brandeburgo acolle os próximos días 16, 17 e 18 de setembro o campionato do mundo de piragüismo maratón para as categorías xuvenil, sub 23 e sénior. Ata alí, desprazouse unha ampla delegación galega cun marcado protagonismo para os padeeiros dos clubs pontevedreses.

Tono Campos do Breogán do Grove é unha das claras opcións de medalla. O actual campión de Europa en C1 e C2 tentará conquistar o cetro mundial nas dúas modalidades. 

No C1 non llo vai a poñer nada fácil o húngaro Marton Kover, actual campión mundial. Diego Romero do Breogán do Grove será o outro participante na proba individual. Por outra banda, o domingo será a carreira do C2 onde Campos participará con Jose Sánchez. Ambos veñen de ser primeiros no Europeo de Pontevedra e volverán ter como principais rivais á parella formada por Óscar Graña e Ramón Ferro.

Iván Alonso tamén buscará dúas medallas. A primeira regata na que tomará a saída será o K1 onde vai ter como rivais ao portugués José Ramalho, o español Emilio Merchán, o húngaro Adrian Boros e ao surafricano Hank McGregor. Polo que respecta ao K2, volverá competir xunto ao seu compañeiro do Kayak Tudende, Diego Piña.

Ademais, tamén estarán en Alemaña a pontevedresa Raquel Rodríguez no C1 senior, que buscará a medalla nunha proba con 13 participantes; Tania Álvarez do Breogán do Grove, que participará no K1 sub 23; Damián González do Piragüismo Verducido, que será o representante español no C1 sub 23; a parella do club Illa de Arousa Yerai García e Carlos Cañó, que competirá en C2 xuvenil; e Nuria Villace do Breogán do Grove, que o fará no K2 senior xunto coa estremeña Estefanía Fernández.