Foi unha repetición do ocorrido no Europeo de Pontevedra, pero esta vez a moeda saíu cruz.
Tono Campos conseguiu a medalla de prata no C-1 do Campionato do Mundo de Piragüismo Maratón de Brandemburgo despois de ceder nun emocionante sprint final ante o húngaro Márton Kövér, despois de 26 quilómetros de percorrido.
O deportista do Breogán do Grove repite así o resultado de hai un ano e logra unha nova medalla internacional. Pode que non sexa a única, xa que este domingo volverá competir no C-2 xunto a José Sánchez, nunha proba na que tamén estará o pontevedrés Óscar Graña e o arousán Ramón Ferro.
No C-1 tamén competiu o vilagarcián Diego Romero, finalizando nunha meritoria sexta praza.