Os piragüistas pontevedreses, a polo Mundial de Maratón en Hungría

Pontevedra
09 de setembro 2015

Álvaro Fernández Fiuza, Tono Campos e a parella composta por Óscar Graña e Ramón Ferro parten entre os favoritos das súas respectivas categorías na localidade húngara de Gyor

Óscar Graña e Ramón Ferro durante unha competición
Óscar Graña e Ramón Ferro durante unha competición

Cita importante para o piragüismo pontevedrés na localidade húngara de Gyor, onde se celebrará durante a próxima fin de semana (11, 12 e 13 de setembro) o Campionato do Mundo de Maratón.

Os padexeiros pontevedreses parten unha vez máis entre a terna de favoritos en varias das categorías absolutas.

É o caso de Óscar Graña e Ramón Ferro (Kayak Tudense), actuais subcampions europeos e que acumulan medallas internacionais. O seu obxectivo será de novo subir ao podio nunha proba de 26 quilómetros con seis porteos que se disputará o domingo ás 11:30 horas.

Entre os seus rivais destaca Tono Campos (Breogán do Grove), que competirá no seu duodécimo mundial na canoa dobre xunto a José Manuel Sánchez (Club Náutico Betanzos) e tamén na modalidade individual, o sábado ás 11:30 horas.

En kaiak o pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza parte con opcións no K-2, onde forma parella co asturiano Walter Bouzán (domingo 14:30 horas) nunha proba na que afrontarán 30 quilómetros de percorrido e sete porteos.

Tamén competirán en Hungría Raquel Rodríguez (Escola Piragüismo Ciudad de Pontevedra) en C-1 sénior e Damián González (Piragüismo Verducido) en C-1 sub-23.