Óscar Graña e Ramón Ferro, medalla de prata no Campionato do Mundo de Piragüismo Maratón de Gyor

Pontevedra
14 de setembro 2015
Actualizado: 13:03

Nova medalla mundialista para o padexeiro pontevedrés e o da Illa na categoría de C-2, mentres o grovense Tono Campos finalizou terceiro sumando o seu segundo metal no campionato  

Óscar Graña e Ramón Ferro, coa bandeira do Europeo de piragüismo maratón de Pontevedra
Óscar Graña e Ramón Ferro, coa bandeira do Europeo de piragüismo maratón de Pontevedra

Novo éxito internacional, e van uns cantos, para Óscar Graña e Ramón Ferro, que en Hungría volveron a subir ao podio dun Campionato do Mundo de Piragüismo Maratón, o disputado na localidade húngara de Gyor.

Graña e Ferro gañaron a medalla de prata no C-2 logo de 26 quilómetros e 6 porteos nos que só se viron superados polos locais Marton Kover e Adam Docze (1:53:48).

Os palistas pontevedreses non puideron aguantar ese forte ritmo e xogaron a segunda praza nun bonito final ante o grovense Tono Campos e o seu compañeiro José Manuel Sánchez, superándoos por só dous segundos (1:58:08).

Curiosamente foi o mesmo podio que o de fai un ano en Oklahoma, aínda que naquela ocasión foron Campos e Sánchez os que concluíron segundos.

É o segundo metal do campionato de Tono Campos, tralo conseguido o sábado na categoría de C-1.

Tamén se subiu ao podio, neste caso no K-2, o pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza, que foi terceiro xunto ao seu compañeiro, o asturiano Walter Bouzán.