Pontevedra solicita a organización do Campionato do Mundo 2020 de piragüismo maratón

Pontevedra
19 de decembro 2015

O alcalde solicitou formalmente por carta ao presidente da Federación Española que presente a pertinente candidatura ante International Canoe Federation argumentando a situación de "deporte estratéxico" do piragüismo na cidade. O río Lérez será escenario en 2016 do Campionato de Europa da especialidade

Primeira xornada do Campionato de España de Piragüismo Maratón 2015 no Río Lérez
Primeira xornada do Campionato de España de Piragüismo Maratón 2015 no Río Lérez / Daniel Santomé

O piragüismo é un "deporte estratéxico na cidade de Pontevedra". É o primeiro dos argumentos que o alcalde de Pontevedra esgrimiu para solicitar formalmente a organización do Campionato do Mundo de piragüismo maratón do ano 2020.

Así llo traslada Miguel Anxo Fernández Lores por carta ao presidente da Real Federación Española de Piragüismo, Román Mangas, ao que pide que presente a candidatura de Pontevedra ante a International Canoe Federation.

O rexedor da capital argumenta na misiva que a cidade conta cunhas "enormes posibilidades das zonas deportivas naturais" na contorna do Río Lérez e a Ría de Pontevedra, ademais de "as instalacións internacionais de piragüismo de augas tranquilas" en Pontillón do Castro ou as insfraestruturas de adestramento que achega o Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Ademais, como reforzo á candidatura, Pontevedra sinala a súa experiencia organizativa en grandes eventos internacionais relacionados co piragüismo como o Europeo en augas tranquilas de 2007 ou a Copa do Mundo de K4 Maratón en 2008, sen esquecer os campionatos de tríatlon ou o Mundial de Hockey a Patíns 2009.

A todo iso súmase que as augas do Río Lérez serán escenario en 2016 do Campionato de Europa de piragüismo maratón, mesma especialidade na que agora aspiran a organizar o Mundial, no que supón un paso máis na política de organización de grandes eventos, nesta ocasión nunha disciplina na que Galicia e a provincia de Pontevedra en particular son potencia internacional. Así o demostran as numerosas medallas logradas nos últimos anos polos padeeiros locais.