Piragüismo, tríatlon, orientación... grandes eventos deportivos para o 2016

Pontevedra
25 de decembro 2015

Pontevedra seguirá apostando en 2016 pola organización de eventos deportivos de nivel, cunha cita que destaca por encima do resto, o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón que se celebrará no río Lérez a finais do mes de xuño. Existen negociacións abertas para interntar atraer máis competicións das xa confirmadas ao longo do ano

Primeira xornada do Campionato de España de Piragüismo Maratón en Pontevedra
Primeira xornada do Campionato de España de Piragüismo Maratón en Pontevedra / Daniel Santomé

Pontevedra seguirá apostando en 2016 pola organización de eventos deportivos de nivel nacional e internacional na cidade, continuando a liña dos últimos anos.

Un evento destaca por encima do resto entre as competicións confirmadas para o ano que entra, o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón, que se celebrará en augas do río Lérez do 28 de xuño ao día 3 de xullo.

O evento, de grande importancia ante a candidatura que a cidade presentou para albergar en 2020 o Mundial da especialidade, contará con máis de 1.000 deportistas das diferentes seleccións nacionais nas categorías júnior, sénior e veteranos para embarcacións de C-1, C-2, K-1 e K-2.

O outro gran evento do ano estará unha vez máis relacionado co tríatlon, ao ser sede Pontevedra da Copa do Rei e o Campionato de España por relevos os días 21 e 22 de maio.

Son dúas das probas deportivas con maior número de participantes neste deporte, como reflicte que en 2015 foron preto de 2.500 os triatletas inscritos, repartidos en máis de 300 equipos e 24 escolas de tríatlon de toda España.

Antes, no mes de marzo, a primeira gran cita do calendario deportivo será o Campionato de España de Orientación, do 24 ao 27 de marzo, organizado polo Club Montañeiros A Roelo e que espera atraer a preto de 1.500 persoas.

A todos estes eventos haberá que sumar os incluídos no calendario habutial da cidade baixo a organización dos seus clubs e que reúnen unha e outra vez a un grande número de deportistas, como a Pontevedra 4 Picos Bike & Trail (16 e 17 de abril), o Torneo Internacional Benxamín de Fútbol 7 (18 e 19 de xuño), o Medio Maratón Cidade de Pontevedra (16 de outubro) ou o Torneo Internacional de Taekwondo (29 de outubro ao 1 de novembro).

Ademais, varios clubs co apoio do Concello manteñen abertas negociacións para poder organizar na cidade máis competicións de nivel en 2015, á espera de que se pronuncien as diferentes federacións deportivas.