Os piragüistas pontevedreses, ao asalto do Campionato de Europa de Maratón en Eslovenia

Pontevedra
02 de xullo 2015

A localidade de Bohinj acolle o primeiro gran evento internacional da tempada coa disputa do Europeo de Piragüismo Maratón, cita na que Pontevedra tomará a testemuña como organizador para 2016. Óscar Graña, Ramón Ferro, Tono Campos, Damián González ou Álvaro Fernández Fiuza, entre os inscritos

Óscar Graña e Ramón Ferro durante o Nacional de Piragüismo Maratón en Pontevedra Federación Galega de Piragüismo

Primeira grande cita internacional da tempada no piragüismo maratón coa disputa este fin de semana do Campionato de Europa, no que os palistas pontevedreses volven situarse na lista de favoritos ao triunfo.

Á localidade eslovena de Bohinj desprázanse 11 palistas galegos, entre os que se atopan Óscar Graña, Ramón Ferro, Tono Campos, Damián González ou Álvaro Fernández Fiuza.

Graña e Ferro (Kayak Tudense) afrontarán en Eslovenia o reto de lograr a súa terceira medalla de ouro consecutiva nun europeo na modalidade de C-2, tendo como un dos seus principais rivais a Tono Campos (Breogán do Grove) xunto ao seu compañeiro José Manuel Sánchez (Ría de Betanzos).

Pola súa banda o pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza (Covadonga) tamén pelexará polos postos de podio no K-2 xunto ao asturiano Walter Bouzán, tendo como uns dos seus principais rivais á parella composta polo tudense Iván Alonso e o zamorano Emilio Merchán.

Pontevedra tamén estará representada en Bohinj por Damián González (Verducido Pontillón) na modalida de C-1 sub-23. Completan a nómina de galegos Manuel Garrido (Kayak Tudense), David García (Firrete) e Rubén Dasilva (Kayak Tudense).

A Eslovenia tamén acode unha delegación oficial do Concello de Pontevedra, encabezada pola concelleira de Deportes Anxos Riveiro, para recoller a bandeira do campionato que lle testemuña como organizador do próximo Europeo de Piragüismo Maratón, o de 2016.