Os socios non pasarán pola billeteira no partido ante o Portugalete

Pontevedra
14 de maio 2014

O club granate dá a coñecer o prezo das entradas, fixadas en 15 euros en Tribuna, 12 en Preferencia e 8 nos fondos. Os menores de 14 anos entrarán de balde. Instalarase un punto de venda na Ferrería

Aspecto das bancadas de Pasarón no Pontevedra-Somozas
Aspecto das bancadas de Pasarón no Pontevedra-Somozas / Diego Torrado

O Pontevedra Club de Fútbol deu a coñecer o prezo das entradas do primeiro partido da fase de ascenso, o que lle enfrontará ao Portugalete o próximo domingo (18:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.

O Consello de Administración granate fixou en 15 euros a entrada para a bancada de Tribuna, 12 euros para Preferencia e 8 nos fondos.

Os menores de 14 anos poderán entrar de balde o estadio

Por outro lado os menores de 14 anos poderán entrar de balde presentando o seu DNI na porta do estadio, mentres os socios tampouco terán que pasar pola billeteira para premiar a súa fidelidade ao longo da tempada.

Para facilitar a adquisición instalarase un punto de venda anticipada na praza da Ferrería durante a mañá do sábado, de 11:00 a 14:00 horas.

Ademais poderanse adquirir os billetes nas oficinas do club o xoves de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas e o venres só en horario de mañá, e tamén nas billeteiras de Pasarón durante o venres de 17:00 a 21:00, sábado de 11:00 a 14:00 horas e o domingo, día do partido, dende as 16:00 horas da tarde.