Os soños olímpicos do fisioterapeuta do Pontevedra, Manu Barros

Pontevedra
19 de xaneiro 2016

O pontevedrés, un apaixonado do taekwondo, será un dos encargados de valorar aos deportistas paralímpicos que participen no Open de Nevada (Estados Unidos) de categoría G-1, clasificatorio para os Xogos de Tokyo 2020. A Federación Mundial xa o elixiu como parte do equipo médico no último Campionato do Mundo

Manu Barros, fisioterapeuta do Pontevedra, nun adestramento

A súa faceta profesional como fisioterapeuta do Pontevedra Club de Fútbol non apartou a Manu Barros da súa paixón, o taekwondo.

Campión de España Junior en dúas ocasións, medallista nacional e internacional en diferentes competicións defendo as cores do Mace Sport, Manu segue ligado ao seu deporte favorito competindo de cando en vez, como no último Open Cidade de Pontevedra, e desde o pasado ano como Xuíz Clasificador Internacional de Taekwondo Paralímpico.

Tras realizar un curso en Moldavia, o pontevedrés foi reclamado pola Federación Internacional (WTF) para o pasado Mundial de Parataekwondo, en Nottingham (Inglaterra), e agora repetirá experiencia co Open de Nevada (Estados Unidos), de categoría G-1.

Ata a localidade de Reno acudirá Manu Barros entre o 30 de xaneiro e 12 de febreiro dentro do equipo médico da WTF, coa misión de avaliar a postura, o movemento e as características biomecánicas dos competidores vendo as súas limitacións para a competición e englobalos por categorías.

O Open de Nevada é unha proba clasificatoria para os Xogos Paralímpicos de Tokyo 2020, unha competición, a olímpica, que lle gustaría gozar se non en 2016 en sucesivas edicións.

En Estados Unidos Manu Barros traballará de xeito conxunto con outro fisioterapeuta, o australiano Joan Steele-Mils.