Os deportistas e técnicos que adestran, estudan e traballan no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra están polo momento libres de coronavirus.
A Secretaría Xeral para o Deporte confirmou este luns o resultado negativo dos 240 test serolóxicos realizados a todas as persoas implicadas no inicio de curso do centro deportivo pontevedrés.
En total sometéronse a estas probas, mediante análises de sangue, 168 deportistas (105 de tecnificación e 63 de rendemento), os seus adestradores e o persoal que traballa nas instalacións.
Estes resultados reforzan o traballo realizado na elaboración e posta en marcha de estritos protocolos a nivel xeral no CGTD así como os das propias federacións deportivas, co obxectivo de minimizar no posible o risco de contaxio.
Segundo informa a Xunta de Galicia, estas probas serán repetidas cada dúas semanas para avaliar puntualmente a situación.
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva conta este ano con 168 prazas concedidas, das que 105 correspóndense a tecnificación (88 residentes e 17 externos) e 63 prazas son de rendemento (14 de elite, 37 externas e 12 residentes).