Osasuna B examina a fortaleza do Pontevedra en Pasarón

Pontevedra
29 de outubro 2016

Os granates buscan este domingo (17:00 horas, Pasarón) recuperarse da derrota da pasada semana en Valladolid e sumar a que sería a súa sexta vitoria consecutiva en casa. Mario Barco, sensible baixa no Pontevedra por sanción

Adestramento do Pontevedra no campo da Seca, en Poio Mónica Patxot

Quere esquecer o Pontevedra o tropezo da pasada semana en Valladolid e recuperar en casa o que polo momento está a custar sumar lonxe de Pasarón.

O estadio pontevedrés será escenario este domingo (17:00 horas) da visita do filial do Atlético Osasuna, un rival que encadea catro semanas sen gañar (tres empates) pero que demostrou desde o inicio da competición a enorme calidade que atesouran os seus futbolistas.

Os granates buscarán o seu sexto triunfo consecutivo na casa, onde se están a mostrar intratables, para manterse na zona alta da táboa.

Para eles Luisito contará cunha baixa sensible, a de Mario Barco por sanción. O seu lugar na dianteira ocuparao previsiblemente Mateu Ferrer, na busca dunha oportunidade para reivindicarse.

Ademais os granates contan coa dúbida do estado físico de Jacobo Trigo e David Añón.

O técnico de Teo, como habitualmente fai nos encontros que o equipo xoga en Pasarón, convocou a todos os xogadores dispoñibles.

Por parte do Osasuna B, a súa principal ausencia en Pontevedra será a do defensa Aritz Eguaras, expulsado a pasada fin de semana ante o Celta B.

O choque, primeiro dos tres que o cadro granate debe afrontar nunha semana, será arbitrado polo colexiado o asturiano Leandro Carbajales Gómez