Sete xornadas despois o Ribadumia volve gañar. Non o conseguía desde o primeiro partido de liga e con dous empates e unha derrota xogando na Senra de pobre bagaxe como equipo local. Chegaba un recentemente ascendido como o Noia, capaz de gañar en O Roxo ao Cerceda, pero que non puido facer nada ante os aurinegros, que deixaron practicamente resolto o partido na primeira parte.
Juanjo inauguraba o marcador aos 20 minutos de xogo. As cousas complicábanse para o Noia pasada a media hora ao ver o segundo cartón amarelo o seu lateral Manu Queiruga, que deixaba aos seus en inferioridade.
Antes do descanso (minuto 40) o mozo Agus, que segue acertado ante a porta, facía o segundo, botando por terra as esperanzas do equipo coruñés.
Na segunda parte houbo ocasións, pero o marcador xa non se movería e o Ribadumia conseguiría unha vitoria para aliviar unha posición que empezaba a ser preocupante, abandonando os postos de descenso.