Ourense, Negreira, Barco e Barbadás, primeiros rivais de Arosa, Céltiga, Villalonga e Ribadumia

O Salnés
01 de agosto 2017

Xa hai calendarios para a tempada 2017-2018 en Terceira División. A asemblea da Federación Galega de Fútbol, celebrada onte á noite en Santiago de Compostela, acolleu o sorteo da liga na terceira galega, categoría na que volverán militar este ano Arosa, Céltiga, Villalonga e Ribadumia

Anxo, no partido entre Ribadumia e Villalonga na Senra
Anxo, no partido entre Ribadumia e Villalonga na Senra / Diego Torrado

Xa hai calendarios para a tempada 2017-2018 en Terceira División. A asemblea da Federación Galega de Fútbol, celebrada onte á noite en Santiago de Compostela, acolleu o sorteo da liga na terceira galega, categoría na que volverán militar este ano Arosa, Céltiga, Villalonga e Ribadumia.

Os dous primeiros, Arosa e Céltiga, comezarán a liga en casa. Será o 20 de agosto fronte a Ourense e Negreira, respectivamente. Tanto Villalonga como Ribadumia farano como visitantes, nos campos de Barco e Barbadás.

Xa na segunda xornada, o 27 de agosto, haberá o primeiro derbi. Será en San Pedro, onde o Villalonga recibirá ao Céltiga. Negreira será, pola súa banda, o primeiro desprazamento do Arosa e o Ribadumia estreará os partidos na Senra recibindo ao Compostela.

Arosa e Villalonga protagonizarán o seguinte derbi, na terceira xornada (3 de setembro), mentres que Ribadumia e Céltiga veranse as caras na sexta xornada (24 de setembro) e, á semana seguinte, o 1 de outubro (xornada 7) haberá un Arosa - Ribadumia na Lomba.

O 29 de outubro (xornada 12) será a quenda do choque entre o Ribadumia e o Villalonga, que pechará os derbis da primeira volta.

Ao ecuador da competición chegarase o 17 de decembro cos partidos Ribadumia - Boiro, Villalonga - Somozas, Ourense - Céltiga e Noia - Arosa. Os mesmos choques pero en campo contrario pecharán a liga en Terceira División o 13 de maio de 2018.

O calendario completo da Terceira División pódese consultar nesta ligazón.