Pablo Dapena anuncia a súa retirada: "Motivo só hai un e o máis importante, pasar máis tempo coa miña familia"

Pontevedra
27 de setembro 2023

O triatleta pontevedrés, campión do Mundo de longa distancia en 2018 e campión en 2019, anunciou que o próximo 22 de outubro participará na súa última carreira como triatleta profesional. "Foron 13 anos moi intensos que pasaron voando", explicou nunha emotiva mensaxe 

Pablo Dapena entrando na meta do Mundial de tríatlon de longa distancia
Pablo Dapena entrando na meta do Mundial de tríatlon de longa distancia / Xan Xiadas

O Challenge de Mallorca (14 de outubro) e o Ibiza Tríatlon (22 de outubro) serán as últimas dúas carreiras de Pablo Dapena como triatleta profesional. Así o confirmou o propio deportista pontevedrés, campión do mundo de longa distancia en 2018 e subcampión en 2019, nunha emotiva mensaxe.

"Foron 13 anos moi intensos que pasaron voando e o 22 de outubro pecharase unha etapa, pero seguro que se abrirá outra igual sempre ligada ao tríatlon, é hora de devolver todo o que este deporte deume", explica Dapena.

"Motivo só hai un e o máis importante, pasar máis tempo coa miña familia. Todo o mundo coñece as esixencias tanto físicas como mentais, as horas de adestramento e descanso necesarias que este deporte conleva. Desde hai 21 meses as prioridades cambiaron. Este ano perdín momentos fundamentais e por desgraza non vou poder darlle á tecla de rebobinar e recuperalos, así que, leste é o motivo da miña retirada profesional", sinala unha das grandes referencias do deporte local en referencia á súa paternidade.

Dapena déixao, iso si, decidindo "cando e en que momento me retiro. Isto non vai de que non teña o nivel ou de que haxa unha lesión que me obrigue a botarme ao lado, por sorte son eu quen ten a última palabra e síntome orgulloso polo motivo polo que a tomo", razoa na súa explicación.

Na súa despedida, Pablo quixo acordarse de todos os adestradores que tivo desde o seu inicio no deporte no Club Natación Pontevedra, a compañeiros de fatigas como Javier Gómez Noya e en xeral a todos os que axudou e confiaron que "un tío pequeno de brazos musculados e voluminosos podía dedicarse ao tríatlon", e tamén agradece á cidade de Pontevedra "cada saúdo, apoio, ánimo mentres un camiña pola cidade, corre ou pedalea, non sabedes o que motiva e empuxa para seguir apertando", cualificándoa como a "mellor afección do mundo do tríatlon".