Pablo Dapena e Saleta Castro axudan a Galicia a subir ao podio do Nacional por Autonomías

Pontevedra
07 de xullo 2019

A Selección Galega foi a mellor no Campionato de España celebrado en Tres Cantos sumando as diferentes categorías. Nas probas individuais, os dous triatletas pontevedreses, especialistas en media e longa distancia, asinaron unha sexta posición

Saleta Castro e Pablo Dapena, co equipo galego no Campionato de España por Autonomías
Saleta Castro e Pablo Dapena, co equipo galego no Campionato de España por Autonomías / Federación Galega de Tríatlon

Galicia logrou grandes resultados esta fin de semana no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías celebrado na localidade madrileña de Tres Cantos.

Alí estaban dentro do equipo galego dous dos máximos expoñentes do tríatlon pontevedrés, como son Saleta Castro e Pablo Dapena, deixando en segundo plano por uns días os seus obxectivos individuais. De feito Castro plantouse en Tres Cantos só uns días despois de completar o esixente  Ironman de Frankfurt.

Ambos os dous, especialistas na media e longa distancia, afrontaron con ganas a competición individual, en distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé), logrando unha meritoria sexta praza.

Dapena quedou a apenas 8 segundos do podio, entrando en meta cun tempo de 56 minutos e 24 segundos. O gañador sería nesta carreira o valenciano Javier Lluch (56:00). Foi o mellor galego en competición, acompañado de Andrés Cendán (11º), Antón Ruanova (17º), Alberto Castiñeira (18º), Alejandro Álvarez (40º) e Luís Miguel Velázquez (65º). Grazas a estes resultados Galicia levou a medalla de prata masculina por equipos só superada por Cataluña.

Saleta Castro pola súa banda investiu 1:04:51 para ser tamén sexta nunha carreira que gañou a catalá Laura Gómez (1:03:26). Na proba individual feminina Galicia contou ademais con Sara Guerrero (7ª), Ana María Santiso (22ª), Esther Rodríguez (31ª), Natalia Castro (43ª) e Camila Alonso (55ª), conseguindo subir ao podio na terceira posición tras Madrid e Cataluña.

O Campionato de España finalizaba este domingo coas remudas mixtas en idade escolar, as remudas mixtas absolutas e o tríatlon inclusivo, conseguindo a Selección Galega pechar a competición coa vitoria xeral grazas ao papel destacado do equipo escolar.