A gran tempada de Pablo Dapena, na que se proclamou campión mundial de longa distancia e levoulle a liderar o circuíto internacional Challenge, non pasou desapercibida no mundo do tríatlon.
O deportista pontevedrés acaba de fichar polo equipo profesional Team BMC Vifit Sport Triathlon, o que supón un salto de calidade na súa carreira deportiva.
A noticia, adiantada pola web Triatlonchannel, supón "una oportunidad que pocas veces en la vida aparece", sinalou a PontevedraViva Dapena recentemente chegado de Bélxica, onde estes días pasou diversos controis médicos coa súa nova escuadra. Todo "un salto a todos los niveles" que lle fai estar "muy contento".
Pablo Dapena: "Es un salto a todos los niveles. Estoy muy contento"
Isto é así porque a partir de agora a única preocupación do actual campión do Mundo será a de adestrar e competir ao máximo nivel posible. O demais como viaxes, concentracións, material ou patrocinadores, xestionarao directamente o Team BMC.
Trátase dun equipo no que figuran triatletas destacados a nivel internacional, como o subcampión do Campionato do Mundo Ironman de Hawaii, o belga Bart Aernouts, ademais do estadounidense Chris Leiferman, o británico Will Clarke, a alemá Maurice Caravel ou o sueco Patrick Nilson.
Pablo Dapena apura estes días o seu tempo de vacacións, que concluirá en pouco máis dunha semana, xa con ganas de poñerse a traballar pensando nun 2019 que se volve mais ilusionante que nunca co obxectivo número uno de tentar revalidar o seu título de campión mundial de longa distancia no campionato que se celebrará ante os seus, en Pontevedra. Ademais "intentaré clasificarme para el Mundial 70.3 en Niza", recoñeceu.
Tras un primeiro mes de adestramentos nacasa, o pontevedrés acudirá á primeira cita oficial co seu novo equipo na concentración prevista entre o 5 e o 19 de xaneiro no complexo Sands Beach de Lanzarote, aínda que a súa intención é quedar nesta illa canaria "hasta el 3 de marzo. Si me fue bien el año pasado, ¿por qué no repetir?", explicou sobre os seus plans para a pretemporada que está a preto de comezar.