Pablo Dapena lánzase a pola clasificación para o Mundial Ironman 70.3

Pontevedra
29 de maio 2019

O triatleta pontevedrés fará o seu debut na franquía Ironman o vindeiro domingo 2 de xuño en Suíza co claro obxectivo de lograr o billete para o Campionato do Mundo 70.3 do próximo mes de setembro en Niza. Para iso deberá gañar a carreira

Pablo Dapena, no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia de Pontevedra
Pablo Dapena, no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia de Pontevedra / Xan Xiadas

Suíza é a seguinte parada da tempada de Pablo Dapena. Superado con nota uno dos seus principais obxectivos do ano, o Campionato do Mundo de Longa Distancia que se celebrou en Pontevedra e no que conseguiu unha brillante medalla de prata, o triatleta pontevedrés centra agora as súas miras no segundo gran reto do curso, o Mundial Ironman 70.3.

Despois de Pontevedra, Dapena volveu a escena no Challenge de Lisboa subindo de novo ao segundo chanzo do podio. Era unha cita intermedia para recuperar sensacións antes de tentar abordar a clasificación para o Campionato do Mundo de Ironman 70.3 que se celebrará o próximo 8 de setembro en Niza, Francia.

Para estar nesta cita, para a que xa está clasificado Javi Gómez Noya e espéranse grandes nomes como o actual campión Jan Frodeno, Kristian Blummenfelt ou  Alistair Brownlee, o pontevedrés debe obter antes pasaporte, e o seu primeiro intento terá lugar o domingo 2 de xuño na localidade suíza de Rapperswil-Jona.

Non será tarefa sinxela, xa que para conseguir a clasificación mundialista Pablo Dapena terá que gañar a carreira, que constará de 1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé con saída ás 7:55 horas da mañá. Ademais na liña de Suíza estará entre outros Ruedi Wild, que lle superou hai poucas semanas en Lisboa.

Será en todo caso o primeiro intento de clasificación, pero non o último, xa que no seu calendario figura tamén o Campionato de Europa 70.3 que se disputará en Suecia o 7 de xullo e que repartirá tres prazas mundialistas.