Segue intratable Pablo Dapena neste ano 2018, no que non se baixou do podio en ningunha das probas de media distancia en que participou. Tras gañar na Challenge Mogan e Challenge Lisboa e obter o segundo posto en Roma, este domingo conseguiu tamén a prata en Challenge Salou, entrando en meta a un minuto do gañador, o australiano Cameron Wurf.
O actual recordman do segmento ciclista de Ironman Hawaii baseou o seu triunfo nos 90 quilómetros de bicicleta, nos que abriu un oco de case sete minutos que Dapena, a pesar de correr moito máis rápido que o australiano, non puido recuperar.
A proba comezaba ás 7:35 da mañá cos 1.900 metros de natación onde Pablo Dapena foi o máis rápido, saíndo a primeiro da auga seguido por Iñaki Baldellou a 16 segundos e por Emilio Aguayo a 25.
Nos primeiros quilómetros do sector ciclista, Pablo Dapena cun gran ritmo foi aumentando a súa vantaxe para pasar polo primeiro punto de control cun minuto de vantaxe sobre Cameron Wurf, que saíu décimo da auga e ía recuperando terreo respecto da cabeza de carreira.
A medida que pasaban os quilómetros, o australiano seguiu remontando ata adiantar ao triatleta pontevedrés, ao que sacou dous minutos de vantaxe no segundo control e nada menos que sete ao final da T2.
Quedaban 21 quilómetros de carreira, nos que Pablo Dapena foi recortando distancia, pero non puido alcanzar a Cameron Wurf que conseguiu a vitoria cun tempo de 3:45:37. Pablo (3:46:56) foi segundo mentres que George Goodwin (3:49:23) ocupou a terceira posición final, con Emilio Aguayo (03:51:22) cuarto.