Non estaban Gómez Noya, Mario Mola nin Fernando Alarza, os tres triatletas con mellor ranking internacional, pero iso non desmerece a actuación do pontevedrés Pablo Dapena no Campionato de España de Tríatlon celebrado na localidade murciana de Águilas.
Nunha cita cun gran nivel competitivo, Dapena proclamouse subcampión nacional despois de ser un dos grandes protagonistas da proba elite, disputada en distancia olímpica.
O triatleta lerezano só cedeu nos metros finais ante o galego Uxío Abuín, con quen se destacara na cabeza tras atacar no quinto quilómetro da carreira a pé.
Antes Pablo Dapena mantivérase no grupo principal nos sectores de natación e ciclismo, chegando ben colocado ás transicións.
A proba quedou nun man a man entre ambos os dous galegos no que resultou vencedor Abuín cun tempo de 1:52:54 seguido do deportista pontevedrés, que logrou un rexistro de 1:53:19. Completou o podio o albaceteño Antonio Benito.