Madrid, Cozumel e Cartagena de Indias, retos para Pablo Dapena no tramo final da tempada

Pontevedra
17 de setembro 2014

O triatleta pontevedrés, recentemente proclamado subcampión de España, acudirá á Gran Final da Copa de Europa en Madrid e ás citas mexicana e colombiana da Copa do Mundo. Dapena foi recibido este mércores no Concello de Pontevedra

Recepción a Pablo Dapena no Concello de Pontevedra
Recepción a Pablo Dapena no Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, recibiron este mércores no Concello ao triatleta pontevedrés Pablo Dapena, recentemente proclamado subcampión de España.

Dapena recibe así unha pequena homenaxe nunha tempada que non concluíu e na que aínda lle faltan por afrontar varios retos.

O deportista lerezano acudirá o próximo fin de semana á Gran Final da Copa de Europa en Madrid, antes de viaxar, sen apenas descanso, a unha competición co seu club francés en Niza e facer as américas, onde participará nas Copas do Mundo de Cozumel (México) e Cartagena de Indias (Colombia).

Nesas citas Pablo Dapena buscará sumar puntos que lle acheguen a posibilidade de participar nun futuro próximo nas Series Mundiais, todo "un soño", recoñece o pontevedrés, posto que "é complicado, tes que facer puntos en copas de Europa e do Mundo e é moi costoso. Agora vou a Cozumel e Cartagena e a maioría o pago eu", asegurou.

O triatleta pontevedrés conta coa súa base de adestramento na casa, onde comparte sesións co tetracampión do Mundo Javier Gómez Noya, "un privilexio" que intenta aproveitar: "vas mirando como fai e tamén dá algún consello", declara Dapena, un dos grandes expoñentes do tríatlon na cidade de Lérez.