Pablo Dapena proclámase subcampión de España de tríatlon de media distancia

Pontevedra
14 de maio 2017

O triatleta pontevedrés realizou unha gran carreira e terminou segundo no Half Triathlon Pamplona-Iruña, Campionato de España de Media Distancia, só superado polo tamén galego Gustavo Rodríguez

Pablo Dapena (esquerda) no podio do Half Triathlon Pamplona
Pablo Dapena (esquerda) no podio do Half Triathlon Pamplona / Half Triathlon Pamplona Iruña

En apenas un ano centrado nesta nova especialidade, Pablo Dapena situouse entre a elite nacional, tal e como demostrou este sábado no Half Triathlon Pamplona-Iruña, Campionato de España de Tríatlon de Media Distancia.

O triatleta pontevedrés proclamouse en Navarra subcampión de España da especialidade tras relar a gran nivel e ser só superado polo tamén galego Gustavo Rodríguez.

Dapena iniciou con forza a proba, saíndo da auga na cabeza tras 1.900 metros de natación e marchando no liderado no inicio da bicicleta. Con todo por detrás Gustavo Rodríguez, que perdera tempo na natación, recortaba distancias ata pasalo pouco antes da metade do sector ciclista, que contaba con 85 quilómetros de percorrido.

O tudense foi ampliando a súa vantaxe cun ritmpo demoledor para chegar á transición final con máis de sete minutos de vantaxe sobre Pablo Dapena, unha renda que soubo controlar nos 21 quilómetros de carreira a pé para facerse co triunfo cun tempo de 3:40:36. Pola súa banda o pontevedrés non viu perigar a súa segunda posición (3:46:26) superando por unha cómoda marxe ao terceiro clasificado, Joan Ribureta (3:52:58). 

Tras a carreira Pablo Dapena recoñeceu a través da súa conta de Instagram estar "contento con la segunda posición" xa que "era lo máximo a lo que se podía aspirar" despois dunhas semanas nas viuse afectado por problemas físicos, concretamente un catarro e unha dor de moas que dificultaron a súa preparación.