Pablo Dapena e Saleta Castro, campións galegos de tríatlon sen drafting

Pontevedra
04 de xuño 2017

Dous deportistas pontevedreses, Pablo Dapena e Saleta Castro, proclamáronse este domingo campións galegos de tríatlon sen drafting. Ambos lograron este título tras os seus bos resultados no III Tríatlon Atlántico celebrado en Baiona

Saleta Castro, no alto do podio como campioa galega de tríatlon sen drafting
Saleta Castro, no alto do podio como campioa galega de tríatlon sen drafting

Dous deportistas pontevedreses, Pablo Dapena e Saleta Castro, proclamáronse este domingo campións galegos de tríatlon sen drafting. Ambos lograron este título tras os seus bos resultados no III Tríatlon Atlántico celebrado en Baiona.

O campionato galego disputouse sobre a distancia olímpica, 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pé, con saída dende a praia de A Barbeira. Os deportistas non podían ir a roda doutro ciclista ou rodar en pelotón.

Na proba masculina, Pablo Dapena foi en cabeza dende o inicio, controlando á perfección a natación e a bicicleta. Así, no terceiro segmento puido relaxarse un pouco e aínda así chegou a meta cunha cómoda vantaxe. O seu tempo foi de 1:51:47.

Acompañárono no podio Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo) e Ismael López (Tríatlon Vilagarcía).

Anneke Jenkings, triatleta de Nova Celandia que non optaba ao título galego, foi a dominadora da proba feminina. Foi a mellor en todos os segmentos e chegou a meta cun tempo de 2:02:53.

Por detrás, Saleta Castro saíu na terceira posición da auga, pero remontou na bicicleta para colocarse nunha cómoda segunda posición que xa non abandonou ata o final. Desta forma, Saleta logrou o título de campioa galega cun tempo de 2:07:05.

Con respecto ao campionato galego, Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas) e Cristina Torres (Mar de Vigo) completaron o podio.