Histórico triunfo de Saleta Castro: a pontevedresa vence con autoridade no Ironman de Maastrich

Pontevedra
06 de agosto 2017

Nove horas, trinta e sete minutos e dezasete segundos. É o tempo que empregou Saleta Castro en lograr un triunfo histórico. A triatleta pontevedresa impúxose no Ironman de Maastrich (Holanda). É a súa primeira vitoria nesta esixente disciplina

Saleta Castro, entrando en meta no Ironman de Maastrich
Saleta Castro, entrando en meta no Ironman de Maastrich / Ironman

Nove horas, trinta e sete minutos e dezasete segundos. É o tempo que empregou Saleta Castro en lograr un triunfo histórico. A triatleta pontevedresa impúxose no Ironman de Maastrich (Holanda). É a súa primeira vitoria nesta esixente disciplina.

Castro, que o ano pasado xa fora segunda nesta proba, logrou quitarse a espiña que tiña cravada e asinou o que, probablemente, foi o mellor día da súa vida deportiva. Sen dúbida, fixo bos os prognósticos que a situaban como a gran favorita á vitoria nesta carreira,

A pontevedresa saíu a por todas desde o primeiro momento. Tras o case catro quilómetros de natación, saíu da auga en segunda posición cun tempo de 51:49, 29 segundos por detrás da británica Kate Comber. Pero xa sobre a bicicleta non tardaría moito en situarse na cabeza, posto que xa non abandonaría ata o final.

Ao longo dos 180 quilómetros sobre a bicicleta, Saleta Castro chegou a ter máis de catro minutos de vantaxe sobre as súas perseguidoras, pero o último terzo deste segundo sector fíxoselle demasiado longo e chegou á transición con 1:57 sobre a canadense Brooke Brown e case seis minutos sobre Comber. A pontevedresa completou o sector en 5:24:50.

Pero a triatleta galega despexou todas as dúbidas na maratón. Marcando un ritmo frenético desde o principio, sentenciou o seu triunfo xa nos primeiros 21 quilómetros. No ecuador da carreira a pé, a súa vantaxe elevouse aos sete minutos sobre Brown e ás máis de trece sobre a británica Comber.

E Saleta, lonxe de dosificar a súa vantaxe, foi mesmo a máis nos 21 quilómetros restantes. Tanto que acabou vencendo con case 11 minutos de vantaxe sobre Brooke Brown. Terceira foi Kate Comber, que cruzou a liña de meta a máis de vinte minutos da pontevedresa.

Con esta vitoria, Saleta Castro alcanza o obxectivo que se marcara para a tempada e afrontará con maior tranquilidade o resto do ano.