Pablo Dapena, cuarto no Campionato de España de Tríatlon Sprint

Pontevedra
22 de xullo 2017

O triatleta pontevedrés realizou unha gran parte final nesta proba celebrada en Banyoles onde rematou quinto, acadando o cuarto posto no Campionato de España. Carmen Gómez rompeuse e queda na 19 posición do Campionato

Pablo Dapena, nun tríatlon disputado en Palamós
Pablo Dapena, nun tríatlon disputado en Palamós

Na proba elite masculina que se celebraba en Banyoles dentro do campionato de España de Tríatlon en distancia sprint, o triatleta pontevedrés Pablo Dapena lograba terminar na quinta posición da proba, obtendo o cuarto posto no Campionato de España. 

Dapena realizou un gran final de proba, remontando posicións nunha distancia que non é a súa especialidade, xa que o seu traballo céntrase actualmente na longa distancia.

Non tivo sorte na categoría feminina a representante pontevedresa, Carmen Gómez, que na carreira a pé mancábase, segundo informa a Federación Galega de Tríatlon, quedando no posto 19 no Campionato de España. 

Uxío Abuín, do Olímpico de Vedra, lograba o título de campión de España, mentres que a tamén galega Inés Castro conseguía o título na categoría júnior feminina.