Caloroso recibimento a Pablo Dapena tras a súa decepción mundialista

Pontevedra
30 de agosto 2017

Amigos e compañeiros do triatleta pontevedrés preparáronlle unha calorosa benvida no aeroporto vigués de Peinador, ao que chegou a última hora do martes procedente de Canadá, onde disputou o Campionato do Mundo de Longa Distancia cun amargo resultado, ao ser descualificado polos xuíces

Recibimento a Pablo Dapena no aeroporto de Peinador
Recibimento a Pablo Dapena no aeroporto de Peinador / Miguel Vidal

Nas boas e sobre todo nas malas. Amigos e compañeiros de Pablo Dapena brindáronlle un caloroso recibimento ao pontevedrés á súa chegada ao aeroporto de Peinador despois do seu amargo debut na longa distancia no Mundial disputado en Penticton, Canadá.

Dapena foi descualificado por saír do carril habilitado, unha beiravía de apenas un metro, no sector ciclista da proba cando se atopou con competidores dos grupos de idade que lle taponaban nun tramo que ademais estaba aberto ao tráfico de vehículos.

A polémica decisión, que el mesmo aceptou con deportividade ao estar avisado diso no briefing previo á carreira, chegou cando rodaba nunha boa posición botando por terra meses de preparación.

Dáse a circunstancia de que, por primeira vez, o mundial da especialidade estaba incluído no ITU Multisport Festival xunto aos campionatos do Mundo de tríatlon cros, dúatlon, acuatlón e aquabike, unha insfraestructura organizativa complexa que foi concedida a Pontevedra para o ano 2019 e que será necesario axustar en próximas edicións. De feito a de Pablo Dapena non foi a única incidencia, xa que o francés Cyril Viennot foi atropelado por un coche en plena competición.

Foi unha decepción para o pontevedrés pero mellor levada pola sorpresa dos seus amigos e o agarimo que lle demostraron, e que lle dá forzas para pensar xa en próximos retos, como o Campionato de España de Longa Distancia que terá lugar en Ibiza o próximo mes de outubro.