VÍDEO.- Pablo Dapena, rei nacional do tríatlon de longa distancia

Pontevedra
22 de outubro 2017

O deportista pontevedrés proclamouse este domingo en Eivissa campión de España de tríatlon de longa distancia, nunha carreira na que se impuxo despois dun extraordinario sector final a pé

Pablo Dapena, campión de España de tríatlon de longa distancia
Pablo Dapena, campión de España de tríatlon de longa distancia / Ibiza Triatlon

Non esquecerá facilmente Pablo Dapena o seu ano 2017, con bos resultados en probas de diferentes características, desde a distancia olímpica, na que se proclamou subcampión nacional, pasando pola media e tamén pola longa distancia.

Foi precisamente nesta última especialidade, a longa distancia, na que este ano fixo a súa primeira incursión, na que logrou o maior éxito do ano, ao colgar o ouro este domingo no Campionato de España celebrado en Eivissa.

O triatleta pontevedrés partía entre a terna de favoritos e non defraudou, destronando ao tudense Gustavo Rodríguez, que finalizou en terceiro lugar.

Dapena situouse nos postos de cabeza tras os 4 quilómetros iniciais de natación xunto a Emilio Aguayo ou Ángel Salamanca, con dous minutos e medio de vantaxe sobre outro grupo formado por Javier Cardona, Victor Manuel Gónzalez e Miguel Ángel Fidalgo.

Tal e como se prevía, Gustavo Rodríguez perdía tempo na natación, pero recuperaría posicións nos 120 quilómetros de ciclismo chegando á última transición terceiro. Segundo era Pablo Dapena a 4:50 da primeira posición.

Faltaban 30 quilómetros de carreira a pé e aí Dapena deu unha auténtica exhibición, cun chuvieiro que elevaba a categoría de épico o esforzo. Alcanzou a Aguayo aos 10 quilómetros para marchar despois en solitario cara á vitoria.

Ao final, o pontevedrés chegaba a meta cun tempo de 5 horas, 59 minutos e 31 segundos, con case 6 minutos de vantaxe sobre Emilio Aguayo (6:05:25) e máis de 7 minutos sobre Gustavo Rodríguez (6:06:43), que completou o podio.

Todo un exito que permitirá a Dapena chegar o próximo ano a Pontevedra, onde se disputará o Nacional de Longa Distancia, coa condición de vixente campión.