Pablo Galán conduce ao Cisne a dar a badalada en Zamora (25-27)

Pontevedra
19 de marzo 2016

Era case unha final para o Cisne e nun dos peores escenarios posibles. Os de Nano Martínez visitaban a pista do MMT Seguros Zamora, serio aspirante a loitar polo ascenso e facíano sabendo que a vitoria do Academia Octavio obrigáballes a puntuar para non verse relegados ao último posto. Conseguírono nun partido sensacional, cun Pablo Galán soberbio, especialmente no primeiro tempo, no que chegou a asinar case un 50% de efectividade

Pablo Galán nun momento do partido entre Cisne e MMT Zamora no CGTD
Pablo Galán nun momento do partido entre Cisne e MMT Zamora no CGTD / Diego Torrado

Era case unha final para o Cisne e nun dos peores escenarios posibles. Os de Nano Martínez visitaban a pista do MMT Seguros Zamora, serio aspirante a loitar polo ascenso e facíano sabendo que a vitoria do Academia Octavio obrigáballes a puntuar para non verse relegados ao último posto. Conseguírono nun partido sensacional, cun Pablo Galán soberbio, especialmente no primeiro tempo, no que chegou a asinar case un 50% de efectividade.

Era o partido das ausencias. Se o Cisne non podía contar con Pablo Vidal nin Pablo Domínguez, o equipo zamorano víase privado do seu xogador máis efectivo de fronte ao gol, Octavio. Pesou máis esta baixa que a dos pontevedreses, ben cubertas polos seus compañeiros, entre os que achegou experiencia a reaparición de Rafa Dasilva, importante á hora de dar confianza aos seus compañeiros máis novos.

Se xa no partido disputado no CGTD na primeira volta Pablo Galán fora determinante para o empate producido naquela ocasión, esta vez o seu labor baixo paus foi decisiva. As súas paradas deron ás ao equipo branco que soubo levar a iniciativa desde o primeiro minuto, cunha máxima vantaxe de cinco goles (5-10) mediado o período inicial.

Os zamoranos reduciron antes do descanso (12-14) para entrar nunha segunda parte plena de emoción. O Cisne seguiu dominando, aguantando a presión e ampliando a súa renda (17-21), minuto 44. Zamora apertou na recta final e chegou a situarse a un só tanto por baixo (24-25) con 2'15" por diante. Guille Rial lograría marcar e nin sequera a descualificación por terceira exclusión de Fabián González, nunha arbitraxe claramente caseira, puido frear aos pontevedreses, que sentenciarían en inferioridade, tras un tempo morto, cun novo gol de Álex Chan, ata terminar vencendo con xustiza (25-27), conseguindo dous puntos vitais.

Consulta aquí o acta completa do partido.