O Parrulo levanta a Copa Galicia nun Municipal de Pontevedra vestido de gala

Pontevedra
01 de abril 2026
Actualizado: 23:36

O equipo ferrolán impúxose ao Noia Portus Apostoli na final masculina do torneo autonómico, celebrada nun Municipal pontevedrés con máis de 1.500 espectadores nas bancadas

Final masculina da Copa Galicia de Fútbol Sala 2026
Final masculina da Copa Galicia de Fútbol Sala 2026 / Cristina Saiz

Pontevedra vibrou este mércores cunha emocionante final da Copa Galicia Masculina de fútbol sala, cun Pavillón Municipal dos Deportes vestido de gala para a ocasión.

Con máis de 1.500 espectdores nas bancadas do Municipal pontevedrés segundo a organización, e a presenza de numerosos afeccionados dos dous equipos finalistas, o duelo entre O Parrulo de Ferrol e o Noia Portus Apostoli non defraudou.

Medíanse os dous equipos galegos de Primeira División, cun Parrulo que logrou acabar non sen sufrimento coa dinastía do equipo noiés, que encadeaba catro títulos autonómicos consecutivos.

Non logrou o quinto en Pontevedra nun partido que concluíu 3-2 pero no que dominaron no marcador desde o primeiro acto.

Diogo, nomeado MVP da final, adiantou os ferroláns aos 11 minutos de xogo, e repetiu antes do descanso cun lanzamento de penalti para pór o momentáneo 2-0.

Biel recortou distancias para o Noia ao pouco de renovarse o choque, pero na seguinte acción chegaba o 3-1 obra de Malaguti.

Pese ao golpe non se rendeu o Portus Apostoli apertando de novo o marcador por medio de Churrasco.

Con ese 3-2 chegouse aos vibrantes minutos finais, onde calquera cousa puido pasar. O Noia, con xogo de cinco sobre a pista, buscou a igualada e rozouna a segundos do final. Thierry non acertou e o título puxo rumbo a Ferrol nunha auténtica oda ao fútbol sala.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora