Participación de nivel para o segundo medio maratón Maralba

O Salnés
19 de maio 2016

A carreira popular, que se celebrará o vindeiro domingo 22 de maio entre O Grove e Sanxenxo, supera o medio milleiro de inscritos con atletas destacados como Pedro Nimo, Manuel Hurtado, Akka Heilouuu, Paula Mayobre ou Yolanda Gutiérrez, entre outros

Quedada de recoñecemento do circuíto do medio maratón Maralbatur
Quedada de recoñecemento do circuíto do medio maratón Maralbatur / Maralbatur

Conta atrás para a segunda edición do medio maratón Maralba, que o vindeiro domingo 22 de maio unirá as localidade do Grove e Sanxenxo.

Máis de medio milleiro de deportistas daranse cita nun evento que contará cun notable nivel competitivo, xa que entre os confirmados figuran atletas destacados como Pedro Nimo, campión de España de maratón en 2014; Lolo Penas, vencedor da recente Vig-Bay; Manuel Hurtado, vencedor do Maralba en 2014; a atleta internacional Paula Mayobre ou Yolanda Gutiérrez, entre outros.

Serán 21 quilómetros de percorrido costeiro entre o peirao do Grove e a Praia de Silgar, en Sanxeno, con saída ás 10:00 horas.

O programa deportivo complétase ademais coa 'Maralbatur Kids', carreiras para categorías de menores de idade que se celebrarán o sábado 21 a partir das 17:30 horas con saída no Mercado do Grove.

RETO SOLIDARIO

Nesta ocasión tamén repite o reto solidario. Dez persoas competirán divididos en dous equipos e por remudas, conseguindo quilos de comida para a súa doazón en función do tempo logrado.

Os atletas Pedro Nimo e Paula Mayobre serán os capitáns de cada un dos equipos, nos que tamén formarán: Yolanda Guttierrez (atleta internacional), David Losada (subcamepón de España halterofilia), Cristina Martínez (campioa galega de ximnasia), Jesús Sueiro (concelleira de Deportes de Sanxenxo), Alberto Romay (organizador do Lúatlon), José Sanchez (campión de España de piragüismo maratón), Angelina Roble (atleta popular) e Emma Torres (concelleira de Turismo do Grove).