Tirando de orgullo e levado en bolandas pola afección da Raña, o Peixe Galego conseguiu ao fin deixar atrás a súa mala serie, que lle fixo encadear oito derrotas consecutivas en liga, cun triunfo de gran valor.
Os de Marín venceron ao potente Leyma Coruña (73-67) no derbi disputado este domingo e engánchase de novo á LEB Ouro abandonando os postos de descenso.
O Peixe, que aínda non podía contar coa achega de Andrés Miso e cunha rotación máis curta que a do seu rival na que só participaron oito xogadores, saíu concentrado desde o inicio para tentar evitar que se lles escapasen os coruñeses no marcador.
Sen Miso e con Derksen sen entrar tanto en xogo como noutros encontros, o peso ofensivo do equipo recaía esta vez no xogo interior, cun acertado Jason Cain (17 puntos), motivado ante o seu ex-equipo.
Así os de Javi Llorente demostraron xa no primeiro cuarto que ían en serio (22-15) e, cun gran nivel defensivo, confirmáronse no segundo parcial para chegar ao intermedio en vantaxe (38-30).
Reaccionou o Leyma Coruña e apertou o electrónico, pero esta vez os marinenses non tiñan pensado renderse. Mantivéronse á fronte pese ao acelerón laranxa no terceiro cuarto (59-55) e non se descompuxeron polo cansazo cando a falta de menos de tres minutos o Leyma estaba a unha canastra de distancia (65-64).
Foi no último cuarto cando emerxeu a figura de Tim Derksen, que con 8 puntos nos últimos minutos (19 en total), axudando aos locais para pechar un triunfo vital, que rompe unha dinámica e dá ás ao equipo para afrontar con ilusión a segunda volta da liga.