"Partido importante para recuperarnos" do Cisne a golpe de festivo

Pontevedra
05 de decembro 2023

O equipo pontevedrés afronta este mércores 6 de decembro unha nova xornada na División de Honra Prata recibindo no Pavillón Municipal dos Deportes (19.30 horas) ao Handbol Mallorca, penúltimo clasificado

Jabato, no partido de liga entre Cisne e Alcobendas no Municipal
Jabato, no partido de liga entre Cisne e Alcobendas no Municipal / Cristina Saiz

O Club Cisne Balonmán quere esquecer canto antes os puntos que voaron a pasada fin de semana en Eivissa, e o calendario ofreceulles a oportunidade de facelo xa este mércores 6 de decembro, a golpe de festivo, coa visita ao Pavillón Municipal dos Deportes (19.30 horas) do Handbol Mallorca, actual penúltimo clasificado da División de Honra Prata.

"É un partido importante para recuperarnos", recoñece o segundo adestrador dos pontevedreses, Quiños.

Será o segundo dos tres partidos de liga que debe afrontar o Cisne este semana, xa que o sábado visitarán a pista de Agustino Alicante.

Fronte ao Mallorca Quiños pide en todo caso intensidade, e é que "calquera relaxación que teñamos neste partido pódenos dar un susto importante".

"Espéranos un equipo que defende ben, con intensidade, quizais se cadra está a cometer erros propios da nova categoría que fan que moitas veces se lle vaian os partidos, pero os momentos que están ben en defensa firme e contraataque poden poñer en apertos a calquera equipo", analiza o técnico avisando que o Mallorca, recén ascendido, "é un equipo que a pesar de non estar ben na clasificación non dan un partido por perdido".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora