Partido para esquecer do Fisgón en Ferrol

Marín
24 de febreiro 2020

As de Marín afástanse do primeiro posto da táboa despois de caer con claridade na cancha das terceiras clasificadas, o Valdetires de Ferrol

Café, no partido entre Valdetires e O Fisgón da tempada 19-20 O Fisgón Futsal

Mala xornada para O Fisgón Futsal na súa visita á cancha do terceiro clasificado do Grupo I da Segunda División, o Valdetires de Ferrol.

As de Marín víronse superadas con claridade (6-1) ante un rival máis intenso e que dominou desde o minuto 2, con gol de Erika, alternando unha defensa en media cancha con outra máis alta que lles complicaba a circulación.

No minuto 7, co Fisgón sen entrar aínda no partido, o Valdetires volveu sacar proveito dunha mala selección de pase para ver porta, e antes do descanso xa vencía por 3-0.

O cuarto chegaría nada máis volver dos vestiarios, cando as marinenses apostaran polo xogo de cinco en busca dun maior control, dando case por finiquitado o duelo. Nin o tanto de Mar para reducir distancias puido metelas de novo nun partido que terminou redondeando o conxunto local con dous tantos máis.

A derrota afasta a O Fisgón do primeiro debido a que ocupa  Viaxes Amarelle, e que agora queda a tres puntos cun partido máis, aínda que o conxunto  morracense mantén 7 puntos de renda sobre o terceiro posto consolidado na zona de play-off de ascenso.

"Temos que seguir traballando, pensar xa no próximo partido e en todo o camiño que nos queda por percorrer ata final de tempada. Non hai nada feito, temos moitísimo traballo por diante para tentar alcanzar un soño bonito e ilusionante", recoñeceu tras o duelo a adestradora Pili Costa.