Pasarón tamén celebrará o Día da Nai

Pontevedra
26 de abril 2016

O Pontevedra decidiu regalar entradas a "todas as nais" ao coincidir o seu próximo partido de liga, ante o filial do Real Valladolid, con esta celebración

Público no Estadio de Pasarón Diego Torrado

Tres partidos réstanlle ao Pontevedra para finalizar a liga. Tres xornadas nas que se xogará a clasificación para a Copa do Rei que se complicou tras os últimos resultados. 

Os granates dependen de si mesmos e unha das claves será non deixar escapar ningún punto en Pasarón, e é que en casa xogarán os granates dous deses tres encontros, empezando polo que o vindeiro domingo lles enfrontará ao filial do Real Valladolid, a partir das 17:00 horas.

Por ese motivo o club pontevedrés busca incentivar a asistencia ao estadio e aproveitando que o domingo 1 de maio celébrase tamén o Día da Nai, decidiu convidar a todas as nais ao estadio.

"É o teu día, ven a celebralo co Pontevedra", sinala a promoción feita pública polo club, na que sinalan que as invitacións poderán retirarse na porta de Presidencia, no propio Estadio Municipal de Pasarón.

Para o resto do público, o prezo das entradas mantense con respecto a outras xornadas, quedando establecidas en 16 euros para Tribuna, 12 euros para Preferencia e 8 euros nos fondos. Os xuvenís pagarán 5 euros e os infantís 3 euros.

HORARIO UNIFICADO PARA AS DÚAS ÚLTIMAS XORNADAS

A Real Federación Española de Fútbol confirmou o horario das dúas últimas xornadas de liga na Segunda B, que será unificado para os partidos con algo en xogo, como é a clasificación para a Copa do Rei á que aspira o Pontevedra.

Desta forma os granates visitarán á Cultural Leonesa, no estadio Reino de León, o sábado 7 de maio ás 18:00 horas, mentres a última xornada de liga ante o Burgos en Pasarón xogarase o domingo 15 de maio ás 18:00 horas.