Con 12 xornadas aínda por disputarse, das que só cinco serán a domicilio para o Pontevedra Club de Fútbol, o Estadio Municipal de Pasarón preséntase como xuíz na pelexa polo ascenso directo cun Numancia que debe aínda visitar a Boa Vila.
Así o entende Carlos López 'Charly', o representante do primeiro plantel granate que foi este mércores protagonista na sala de prensa de Pasarón.
"Creo que todo pasa porque nos fagamos aquí moi fortes, que gañemos todos os partidos ou case todos", asegura o dianteiro.
Tamén por sumar o máximo como visitantes, aínda que "nos está a custar ultimamente, tamén é importante non encaixar moito e estamos a tentar incidir niso. Creo que estamos no bo camiño", afirma Charly.
O primeiro en todo caso será volver á senda do triunfo contra o Escobedo na casa, un rival que "está nun momento moi bo e non ten nada que ver coa primeira volta", avisa.
No que respecta ao estado do céspede de Pasarón, e preguntado por iso, o atacante granate sinala que "ten mellor pinta pero a ver o domingo como está".
En todo caso "en xaneiro foi cando peor estivo e eu creo que agora, aos poucos, vai estar mellor, e oxalá porque o necesitamos, a verdade".
Por último, a nivel individual, Carlos López aspira a acabar a tempada con máis minutos sobre o céspede, para iso tócalle "tentar que, unha vez que chegue a oportunidade, estar o mellor preparado e axudar o equipo".