Pase a oitavos de final de Copa para o Poio Pescamar tras vencer o Valdetires en Ferrol (1-4)

Poio
08 de decembro 2021

O conxunto conserveiro cumpriu o trámite nos 1/16 de final da Copa da Raíña nun encontro que non conseguiron sentenciar ata os últimos minutos

Partido entre Poio Pescamar e Burela na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Burela na Seca / Cristina Saiz

O Poio Pescamar estará no bombo do sorteo de oitavos de final da Copa da Raíña, a só un paso da fase final do torneo, tras superar este mércores a eliminatoria que lle enfrontaba a domicilio ao Valdetires Ferrol.

O conxunto conserveiro foi superior ao seu rival facendo valer a categoría na que milita cada un (o Valdetires compite en Segunda División), pero tivo que empregarse a fondo para levar un encontro que non sentenciou ata os últimos minutos.

Pese ao dominio vermello e varias ocasións claras, o bo facer defensivo local fixo que o marcador non se movese ata o minuto 16, cando Anna Escribano facía o 0-1 resolvendo na área unha xogada persoal da súa compañeira Ana Rivera.

Con esa lixeira renda chegábase ao descanso, e a segunda metade non puido empezar mellor para as xogadoras adestradas por Manu Cossío ao conseguir moi pronto o 0-2, obra de Ana Rivera a pase de Julia Dupuy.

O duelo parecía encarrilado, pero o Valdetires reaccionou e no minuto 28 Ery recortaba distancias dun disparo afastado. O equipo ferrolán chegou a roldar o empate, ata que a 4 minutos para o final Luisa Mayara poñía terra polo medio para o Poio Pescamar, sentenciando pouco despois Ana Rivera tras un roubo de balón facendo o definitivo 1-4.