Pase directo á final europea para Adrián Sieiro e Sergio Vallejo

Pontevedra
08 de xuño 2018

A parella pontevedresa do Piragüismo Poio Pescamar cumpriu o seu obxectivo na primeira xornada do Campionato de Europa Absoluto en Belgrado clasificándose para a final do C-2 1.000 metros deste sábado, na que loitarán polas medallas

Adrián Sieiro e Sergio Vallejo no Europeo de Plovdiv (Bulgaria)
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo no Europeo de Plovdiv (Bulgaria) / Federación Galega de Piragüismo

Obxectivo cumprido para Adrián Sieiro e Sergio Vallejo na primeira xornada do Campionato de Europa Absoluto Sprint de piragüismo que se está celebrando en Belgrado, Serbia.

A parella pontevedresa do Piragüismo Poio Pescamar loitará polas medallas no C-2 1.000 metros despois de clasificarse pola vía rápida para a gran final do sábado (11:26 horas).

Vallejo e Sieiro foron terceiros na súa serie cun tempo 03:45.446, que lle valeu para lograr a última praza de acceso directo á final superando en máis dunha décima aos checos Dvorak e Janda. Na súa eliminatoria o mellor tempo foi o marcado polos rusos Kirill Shamshurin e Ilya Pervukhin (03:44.029).

Na primeira xornada do europeo tamén entraron en acción Natalia García (Breogán do Grove) e Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra).

Natalia fíxoo no K-2 500 metros xunto á catalá Laia Pelachs, sendo quinta na súa serie cun tempo de 01:50.848, mentres que nos 1.000 metros conseguiron acceder á final previo paso pola semifinal, na que foron segundas.

Mesmo resultado, quintas, fixo Antía Jácome no C-2 500 metros xunto a Patricia Coco, parando o crono en 02:35.442, meténdose despois na final ao vencer a súa sengunda tanda.

Ademais o cangués Rodrigo Germade clasificouse para a final do K-4 500 metros ao finalizar primeiros na súa serie na embarcación que comparte cos campións olímpicos Saúl Cravioto, Cristian Toro e Marcus Cooper. 

Este sábado, ademais da final de C-2 1.000 metros, volverá competir Antía Jácome no C-1 200 metros e tamén entrará en escena Teresa Portela no K-1 200 metros.