Peche de filas nun Pontevedra que chama a "hacer piña" tras o desastre ante o Atlético B

Pontevedra
07 de outubro 2019

Xornada de reflexión na casa granate visibilizada no adestramento do primeiro equipo celebrado en Cerponzóns. Luismi reuniuse por espazo de 20 minutos co persoal, despois charlou co director deportivo, Roberto Feáns, e concluíu a sesión con outro encontro co capitán, Edu Sousa

Roberto Feáns, Edu Sousa e Luismi en Cerponzóns o día despois da derrota ante o Atlético B
Roberto Feáns, Edu Sousa e Luismi en Cerponzóns o día despois da derrota ante o Atlético B / PontevedraViva

Xornada de reflexión no Pontevedra Club de Fútbol tras o desastre sufrido este domingo en Pasarón contra o Atlético de Madrid B.

Como cada luns, Cerponzóns era o escenario do regreso ao traballo do primeiro plantel, e desde o primeiro momento intuíase que non era un día calquera. Ás  entendibles caras serias tras unha derrota como a encaixada, uníronse unha serie de reunións coa intención de pechar filas e "hacer piña", tal e como recoñeceu o conselleiro responsable da planificación deportiva, Roberto Feáns, presente na sesión.

A pesar de que o pau foi importante e fixo cambalearse o proxecto deportivo desta tempada, esa é a mensaxe que tentan trasladar desde o club, de unidade, mirando xa cara ao futuro e pensando en arranxar a papeleta vencendo o vindeiro sábado nun campo complicado como é o da Cidade Deportiva de Valdebebas, onde espera o Real Madrid Castilla.

Con algo de atraso sobre o horario previsto o corpo técnico saltou ao terreo de xogo de Cerponzóns, onde xa esperaban os futbolistas, para pedirlles que entrasen de novo no interior das instalacións. Alí produciuse a primeira charla, entre adestradores e plantel, por espazo de ao redor de 20 minutos.

Tras a mesma deuse inicio á sesión, de intensidade baixa ao tratarse dunha xornada de recuperación para os titulares do domingo. Mentres os xogadores iniciaban o quecemento viviuse outra das imaxes do día, ao sentar a falar o técnico, Luismi, con Roberto Feáns nun dos bancos do campo.

O conselleiro da entidade quixo arroupar así ao adestrador, para abandonar pouco despois o terreo de xogo e terminar marchándose.

O adestramento continuou desde entón con relativa normalidade, unha sesión na que se ausentou o lesionado Campillo e na que Edu Sousa traballou a menor ritmo por precaución tras os problemas musculares que lle empuxaron a pedir o cambio ante o filial colchoneiro. Precisamente o capitán protagonizou a última reunión da xornada ao verse as caras con Luismi xa concluído o adestramento e por espazo doutros 20 minutos.

Non era un luns calquera, aínda que con estes actos o equipo quere recuperar canto antes a normalidade para demostrar que a goleada sufrida foi só un accidente.