Pedro Beda renova e apúntase ao reto do Arosa na Segunda RFEF

O Salnés
09 de xullo 2021

O cadro arlequinado confirmou a continuidade dun dos seus piares as dúas últimas campañas, nas que o ariete brasileiro marcou 25 goles

Pedro Beda, no partido entre o Arosa e o Pontellas na Lomba
Pedro Beda, no partido entre o Arosa e o Pontellas na Lomba / Cristina Saiz

A parcela ofensiva do Arosa para o reto que se lle presenta na Segunda RFEF empeza a estar ben definida, primeiro cos fichaxe de Luismi desde o Alondras e Luis Nuño desde o Somozas e agora coa renovación dunha peza  basica no equipo as dúas últimas campañas, Pedro Beda.

O dianteiro brasileiro continuará un ano máis na Lomba tras asinar nos dous últimos cursos 25 goles en 46 partidos disputados.

"Desde que terminou a tempada e ascendemos tiven moi claro que quería renovar no Arosa", explicou Beda tras confirmarse a súa renovación. "Falei co meu representante e díxenlle que quería estar tranquilo e continuar aquí. Este ano tíñao moi claro. Estamos na categoría que o Arosa debe estar como mínimo", defendeu.

Aos seus 32 anos e cunha dilatada experiencia en Segunda B (Villanovense, Lealtad, Boiro e Lucena), Pedro Beda está chamado a ser un dos xogadores importantes para Jorge Otero, e móstrase ansioso por poder empezar a nova tempada. "Xa tiñamos un bo equipo, ademais están a chegar boas fichaxes e creo que imos competir todos os domingos", sinalou.

O dianteiro é o décimo futbolista confirmado polo club de Vilagarcía tras as fichaxes de Luis Nuño, Luismi e Diego Diz e as renovacións de Manu Táboas, Mon, Jorge Fajardo, Ross, Julio Rey e Sidibé.