Pedro Crespo non se recuperou a tempo e é baixa para enfrontarse ao Atlético Granadilla

Pontevedra
07 de xuño 2014

Pedro Crespo únese ás baixas xa previstas de Caco e Luismi, que tampouco están en condicións de xogar, o que levou ao técnico granate a levarse a Tenerife a 17 xogadores, dando entrada na lista de convocados a Pablo Lede e David García, que son as novidades con relación ao partido de ida

Pedro Crespo atendido por Fran Comesaña durante un adestramento en Pasarón
Pedro Crespo atendido por Fran Comesaña durante un adestramento en Pasarón / PontevedraViva

O último adestramento previo á viaxe cara a terras canarias non trouxo as mellores noticias para o técnico do Pontevedra, Manu Fernández, que se encontrou co contratempo de non poder contar co centrocampista Pedro Crespo, quen, tras estar toda a semana ausente dos ensaios a consecuencia de problemas abdominais, concretamente na zona da pube, non puido recuperarse a tempo, e causará baixa para o partido de volta fronte ao Atlético Granadilla.

Deste modo, Pedro Crespo únese ás baixas xa previstas de Caco e Luismi, que tampouco están en condicións de xogar, o que levou ao técnico granate a levarse a Tenerife a 17 xogadores, dando entrada na lista de convocados a Pablo Lede e David García, que son as novidades con relación ao partido de ida, e co fin de contar con máis efectivos na zona ancha do terreo, aínda que deberá efectuar un descarte moi posiblemente no mesmo campo Francisco Suárez.

Os granates realizaron a última sesión preparatoria antes do desprazamento na tarde do venres, no sintético da Xunqueira. Alí recibiron tamén a visita do presidente, José Manuel Fernández, quen acompañará ao equipo ata Granadilla de Abona, se ben realizando a viaxe á parte do grupo. O máximo mandatario aproveitou para intentar transmitir os xogadores tranquilidade e confianza no seu traballo, animándoos para regresar coa clasificación para a última eliminatoria no peto.

Concluída a sesión, o técnico facilitou a lista de xogadores convocados para o partido, que como reflectimos está formada por 17 xogadores: Edu, Paco, Adrián, David Feito, Pablo, Miguel, Yago Vázquez, David García, Kevin Presa, Pablo Lede, Fran Fandiño, Tubo, Moreira, David Pérez, Benja, Kevin Levis e Pablo Carnero.

Quedan fóra, ademais dos xa citados Caco, Luismi e Pedro Crespo, por lesión, Tomas e Javi Otero, por decisión técnica.

A expedición granate parte a primeiras horas do sábado cara a Tenerife, con escala en Madrid, tendo prevista a súa chegada o hotel de concentración na localidade de San Isidro, pouco despois do mediodía, para despois de comer e descansar realizar un lixeiro adestramento no campo do Raqui San Isidro.

A pesar da distancia, agravada polas dificultades engadidas polo atraso ao fixar a data e hora do partido, o Pontevedra non estará só en tan importante cita, xa que ademais dalgúns afeccionados que se encontran na illa de vacacións e que manifestaron a súa intención de acudir ao partido, tamén o farán membros do Centro Galego de Tenerife, presidido polo pontevedrés Eduardo Sánchez Solla, que igualmente fixeron pública a súa intención de estar presentes apoiando aos granates.