O Grupo Deportivo Supermercados Froiz conta as horas para arrincar de maneira oficial a tempada, moi especial para o equipo ciclista ao tratarse do seu 30 aniversario.
O conxunto dirixido por Evaristo Portela afrontará a próxima semana, desde o martes día 6 de febreiro e ata o mércores día 9, a tradicional concentración de pretempada que terá lugar no Hotel Campaniola.
Alí o plantel de corredores, moi renovado con respecto ao pasado ano e tamén rexuvenecida, realizarán probas biomecánicas e tomarán a súa primeira toma de contacto coa nova roupa e bicicletas, ademais de protagonizar unha serie de adestramentos de grupo polas estradas da provincia.
O último día da concentración, o 9 de febreiro, será quenda da presentación oficial do Froiz na sede da Deputación, que nesta ocasión contará cun padriño de excepción na figura de Pedro Delgado. O popular ex-ciclista e agora comentarista televisivo será o padriño da tempada do 30 aniversario cando se cumpren xusto 30 anos da súa vitoria na xeral do Tour de Francia.
A concentración servirá ademais ao corpo técnico do equipo para definir a escuadra que estreará a tempada na primeira cita da Copa de España Elite e Sub-23, prevista para o 25 de febreiro en Estremadura co clásico Circuíto do Guadiana.