A Deputación foi escenario este venres da presentación oficial do Grupo Deportivo Supermercados Froiz na tempada do seu 30 aniversario.
Dous títulos do Tour de Francia (Pedro Delgado e Óscar Pereiro) e tres títulos da Volta a España (dous de Delgado e un de Álvaro Pino) arrouparon ao segundo equipo ciclista máis lonxevo do pelotón nacional do mesmo xeito que outros personaxes do mundo do ciclismo como o ex-corredor Marcos Serrano ou o presidente da Federación Galega, Juan Carlos Muñiz, representantes políticos como a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, e por suposto Magín Froiz, responsable de manter a aposta da empresa polo ciclismo durante tres décadas.
Máis de 800 vitorias, 120 voltas, 18 campionatos de España ou 175 vitorias en clasificacións por equipos, ademais de ser durante sete anos seguidos o equipo líder do ránking nacional elite e sub-23, adornan o palmarés do Froiz.
Durante a presentación, conducida polo xornalista Terio Carrera, foron desfilando un a un os corredores da formación, ante a presenza dun gran número de nenos.
Ao finalizar Magín Froiz entregou unha placa ao padriño desta tempada tan especial, Pedro Delgado, quen celebrou que un equipo nacional "tenga tanta longevidad, que siga apostando sobre todo una marca como Supermercados Froiz por el ciclismo".
Ademais do popular ex-ciclista e agora comentarista televisivo, tomou a palabra o director da escuadra, Evaristo Portela, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, para quen "o equipo Froiz é un exemplo de equipo deportivo porque transmite valores ao conxunto da sociedade", sinalou a presidenta provincial.